Asociación Puntogal

Novas

PuntoGal estará presente na Feira Galega das Industrias Culturais Cultur.gal

01/12/2008
A Asociación PuntoGal contará cun expositor na 2ª edición da Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal, que terá lugar no Pazo de Exposicións e Congresos de A Coruña (PALEXCO) do 4 ao 7 de decembro.

Na feira, organizada pola Consellería de Cultura e Deportes en colaboración con diversas entidades, estarán presentadas aquelas empresas e entidades que crean, distribúen, promocionan e ofrecen productos e servizos relacionados coa cultura en Galicia e que llelos queren achegar á cidadanía.

A Asociación PuntoGal repartirá entre os asistentes información sobre a iniciativa a prol  dun dominio para a lingua e a cultura galega en Internet e levará a cabo unha campaña de recollida de apoios tanto individuais como de entidades do sector cultural galego. Todos aqueles que deixen a súa sinatura a favor dominio recibirán material promocional do PuntoGal.

A asociación tamén participará na xornada “Coñecer para innovar e mellorar”, organizada por EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet) co obxectivo de achegar ás empresas culturais e ao ensino o coñecemento de ferramentas de cara á innovación, e de propiciar a cooperación entre empresas culturais e empresas de novas tecnoloxías. Esta actividade celebrarase o venres día 5 de decembro, das 10.00 ás 14.00 horas.

Durante a feira, as empresas do sector das industrias culturais de Galicia  e o público en xeral terán a oportunidade de coñecer de primeira man as vantaxes que traerá consigo a consecución do dominio .gal, entre as que destaca a maior visibilidade e presenza que acadarán a lingua e a cultura galegas na sociedade global e na Internet.


Outras actividades

No Cultur.gal desenvolveranse unha serie de xornadas dirixidas ao público profesional: industria musical, servizos e productos para a dinamización lingüística, industria do libro e da edición, etc.Ademais haberá actividades destinadas ao público en xeral, como presentacións de discos e libros, obradoiros, debates, mostras de teatro,etc. O sábado 6 de decembro realizarase o espectáculo musical e multidisciplinar Music.gal, con bandas como Marful e The Homens e poetas como Yolanda Castaño.
Os cativos tamén poderán disfrutar do Cultur.gal con actividades musicais e teatrais e obradoiros de maquillaxe, de música e de modelación de personaxes de plastilina, ademais da prestea da Xabaxira 2009 do Xabarín Club.Podes consultar o programa completo da feira aquí.
Voltar