Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A UE móstrase satisfeita con este cambio

Novo acordo entre a ICANN e o Goberno dos Estados Unidos

01/10/2009  O Goberno estadounidense e o organismo encargado de asignar as direccións de Internet asinaron onte  un acordo que permite unha maior participación global no proceso de asignación de nomes de dominios, informan Reuters e El País.

 O Departamento estadounidense de Comercio dixo que chegou a un acordo coa Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números (ICANN, polas súas siglas en inglés), que acaba cunha serie de acordos a curto prazo e dá estabilidade ás compañías que venden dominios e extensións como o .com.

Ademais chega meses despois de que a Unión Europea pedise que ICANN se  desvinculase do Goberno estadounidense e se fixese totalmente independente, para permitir unha maior participación global.

"De feito, a torta volveuse máis grande" para que se impliquen outros gobernos, dixo Larry Strickland, administrador da Administración Nacional de Telecomunicacións e Información do Departamento estadounidense de Comercio, que asinou o acordo.

Antes da firma, o Goberno estadounidense quería certas condicións - motivadas sobre todo polos temores dalgúns lexisladores -, entre elas, manter á ICANN como unha entidade sen ánimo de lucro con sede en Estados Unidos.


No documento asinado afírmase que un dos factores do éxito de Internet é a descentralización, con todo, "a coordinación técnica global da súa infraestrutura é necesaria para garantir a interoperabilidad". A  ICANN comprométese a traballar para manter un Internet interoperable, a operar de forma multilateral e a seguir sendo un organismo privado sen ánimo de lucro. A súa sede manterase en Estados Unidos.

No acordo establécense unha serie de comités de supervisión para garantir, entre outros aspectos, a fiabilidade e seguridade do sistema ou a confianza dos usuarios. En todos eles figuran representantes de ICANN e ábrese a membros voluntarios. No primeiro dos comités que se enumera, o que supervisará a transparencia e os intereses globais dos internautas, o departamento de Comercio de Estados Unidos asegúrase unha praza fixa. É a única praza que se atribúe a un goberno. A creación destes comités permite abrir a entidade á participación indirecta doutros gobernos a través de membros do Consello Asesor e de Organizacións de Apoio ou de "expertos independentes".


Creada en 1998, a  ICANN estivo funcionando baixo as directrices do Departamento estadounidense de Comercio, un acordo que provocaba o temor nalgúns, que afirmaban que Internet non se consideraba como pertencente a unha comunidade mundial. Esta organización decide os sistemas de nomes de dominios.

A pesar dos cambios, o Goberno estadounidense seguirá tomando parte nas revisións de ICANN, que se espera que a principios do ano que vén comece a estudar centos de aplicacións para novos dominios de alto nivel (TLD, polas súas siglas en inglés).


Boa acollida da UE


A Comisión Europea mostrouse satisfeita con esta apertura porque afirman que así a ICANN estará controlada por grupos independentes e non por Estados Unidos de forma unilateral. A propia ICANN, no comunicado oficial do acordo, inclúe a reacción do departamento de Comercio de Estados Unidos segundo a cal "este marco pon o interese público no centro e establece procedementos para que acodes interesadas de todo o mundo poidan revisar a actuación de ICANN"

"É un paso positivo cara un marco de traballo novo e máis aberto para ICANN e este documento supón unha boa base para máis melloras", dixo nun comunicado a ministra sueca de Infraestruturas, Asa Torstensson.

© Asociación Puntogal