Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

PuntoGal presenta a súa iniciativa no EuroDIG

07/05/2010 A Asociación PuntoGal presentou o proxecto do dominio para a cultura e lingua galega durante a 3ª edición do Diálogo Europeo sobre a Gobernanza de Internet, EuroDIG 2010, celebrado a semana pasada en Madrid.
PuntoGal participou na organización e desenvolvemento dunha das sesións de debate do encontro centrada en nomes xeográficos e nomes de interese público como novos dominios de primeiro nivel (new gTLDs).

Nesta conferencia participaron, entre outros, o director da Fundació puntCAT Jordi Iparraguirre, o promotor do dominio de cidade .berlin, Dirk Krichenowski, e o representante alemán no Comité Asesor dos Gobernos (GAC) da ICANN, Hubert Schöttner.

Durante a sesión, unha representante do PuntoGal falou da importancia de contar cun dominio propio para a comunidade cultural e lingüística galega como ferramenta para obter unha maior visibilidade a nivel global e para promocionar a cultura galega e o uso do galego na rede. Tamén salientou o valor engadido dos proxectos de dominios culturais e lingüísticos, que incrementarán a diversidade lingüística e cultural de Internet, a creación de novos contidos na rede e incorporación de novos usuarios, como xa o está a facer o dominio .cat para a comunidade cultural e lingüística catalá.

Jordi Iparraguirre, director da Fundació puntCAT, explicou o modelo de xestión deste dominio: independente, sen ánimo de lucro e autosuficiente, e destacou o bo funcionamento do .cat, que foi clasificado recentemente como o 2º dominio xenérico máis seguro do mundo, segundo un estudo da empresa antivirus McAfee. Ademais, o .cat ofrece unha relación de documentos indexados por dominio das máis altas do mundo o que dá conta da súa calidade.

 


Creación de categorías no proceso de creación de novos dominios

Os participantes nestes debate defenderon a idea de que o establecemento dun único modelo para todos os tipos de dominio é unha das causas dos adiamentos no proceso de creación de novos dominios da ICANN. Salientaron que, ao haber proxectos para distintos tipos de novos dominios, debería producirse unha diferenciación dentro do proceso, establecendo unha serie de diferentes categorías segundo o tipo de solicitude: xeográficos, marcas, comunidades lingüísticas, palabras claves,…

Unha das conclusións da sesión foi a proposta de empregar a experiencia dos dominios xa existentes que puideran servir de modelo a outros novos modelos similares, coma no caso do .cat e as novas propostas de dominios lingüísticos e culturais.

Os asistentes á sesión de novos dominios acordaron crear un grupo de traballo do EuroDIG para propoñer estas cuestións na vindeira reunión internacional da ICANN, que terá lugar no mes de xuño en Bruxelas, e coincidiron en que a ICANN debe analizar procedementos específicos de solicitude para os dominios de interese público.



As conclusión do EuroDIG levaranse á vindeira edición do IGF

O encontro EuroDIG, celebrado na sede de Telefónica en Madrid os pasados 29 e 30 de abril, contou coa participación dunhas 400 persoas procedentes de 47 países europeos que representaban a gobernos, sociedade civil e empresas, e que foi seguido por 10 foros simultáneos noutros países, segundo comentu a EFE o coordinador do Foro da Gobernanza de Internet en España, Jorge Pérez.

Nas conferencias púxose de manifesto que Internet é cada vez máis complexa e “aínda que hai coincidencia de posicións á hora de identificar os problemas, hai dificultades para atopar solucións”, declarou Jorge Pérez.

Fíxose fincapé na necesidade de levar a mesma seguridade xurídica e dereitos fundamentais que existente en Europa á rede de redes. “O problema”, dixo Pérez, “é como facelo nas distintas lexislacións transfronteirizas”.

Na sesión de apertura do encontro, Philippe Boillat, director xeral de dereitos humanos e asuntos xurídicos do Consello de Europa, propuxo convidar aos EE.UU para discutir solucións creativas a problemas que plantexa Internet , tales como as responsabilidades do sector privado en materia de protección e datos.

As ideas e conclusións do EuroDIG redactaranse en forma de documento para levalo como aportación europea ao Foro da Gobernanza de Internet (IGF), organizado pola ONU, e que este ano terá lugar en setembro en Vila (Lituania).

© Asociación Puntogal