Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

As tres universidades galegas apoian xa a iniciativa de .gal

01/07/2010 A Universidade de Vigo e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia presentaron a súa carta de adhesión ao proxecto a favor dun dominio en Internet para  a comunidade cultural e lingüística galega, o .gal.

Coa adhesión da Universidade de Vigo, a Asociación PuntoGal conta xa co respaldo das tres universidades galegas,  importantes entidades representativas da nosa comunidade cultural e lingüística.
Tamén mostrou o seu apoio formal á iniciativa o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), sumándose ás máis de cen entidades adheridas a PuntoGal.
 

Avances no proceso de creación de novos dominios

Durante a 38ª Reunión Internacional Pública da ICANN celebrada a semana pasada en Bruxelas, este organismo deu a coñecer detalladamente as novidades do 4º borrador da guía de solicitantes de novos dominios. Esta versión incorpora unha serie de propostas adoptadas pola ICANN para que as marcas reciban unha protección axeitada, solucionándose así unha das principais cuestións que estaban a adiar o proceso.

O borrador menciona os dominios de comunidades lingüísticas como un exemplo dentro dos dominios baseados en comunidades. Tamén inclúe unha serie de cambios en canto aos dominios xeográficos, entre os que destacan a prohibición de solicitar dominios de nomes de países ou territorios que aparecen na lista ISO 3166-1, incluídas as súas abreviaturas. Esta prohibición responde aos consellos e indicacións do Comité Asesor dos Gobernos (GAC) da ICANN.

Antes de abrir o proceso aínda quedan algunhas cuestións pendentes:  a publicación dos estudos económicos do proceso (custes e beneficios da introdución de novos dominios),  a “moralidade e orde pública”e  a “integración vertical” (separación entre operador de rexistro e rexistrador).

A ICANN analizará se é necesario elaborar un 5º borrador ou se poden proceder á redacción da guía final para solicitantes de novos dominios, cuxa publicación está prevista para finais do ano 2010.

Presentación de dominios culturais e lingüísticos no Parlamento Europeo

Aproveitando a súa presencia en Bruxelas para asistir á reunión da ICANN, o  grupo de traballo de dominios culturais e lingüísticos europeos  ECLID (European Cultural and Linguistic Internet Domains) , do que forma parte PuntoGal,  organizou unha conferencia no Parlamento Europeo para presentar este tipo de proxectos  de dominios  para comunidades culturais e lingüísticas:  .bzh para a bretoa, .cym para a galesa, .eus para a eúscara, .gal para a galega e .scot para a escocesa,  co .cat como membro asesor por ser o único dominio deste tipo existente ata agora.


Bertrand de La Chapelle, representante do goberno francés no GAC da ICANN, salientou a importancia deste tipo de dominios baseados non en territorios físicos con fronteiras que os separan, senón nunha lingua que os une, uns dominios que aportan importantes beneficios sociais ás comunidades que representan. De la Chapelle afirmou que o apoio a este tipo de dominios dentro da ICANN está aumentando considerablemente.
Durante o acto, Jordi Iparraguirre, director da Fundació puntCAT, explicou que o “.cat foi unha iniciativa creada desde a base, procedente da sociedade civil  que se organizou a si mesma”. De feito, este tipo de dominios non só parten da sociedade, senón que reverten nela pois se trata de proxectos sen ánimo de lucro.  “ Se o .cat funciona, por que non copiar o modelo?” preguntou Iparraguirre, considerando que, dada as súas características, este tipo de dominios deberían entrar primeiros no proceso.

Mathieu Weil, director de Afnic  -asociación que xestiona o dominio de código de país .fr de Francia-  e presidente do CENTR -asociación europea de dominios de código de país-, valorou o feito de que os dominios culturais e lingüísticos “permitirán que os cidadáns se poidan comunicar, facer negocios e participar da vida social da súa comunidade” e afirmou que non supoñen unha ameaza para os dominios de código de país, senón que se complementan.

© Asociación Puntogal