Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Durante 3 meses os dominios .GAL estarán a un prezo máximo de 40€+IVE

PuntoGal celebra o Día de Galicia cunha baixada de prezo

20/07/2015 Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2015.- PuntoGal, o dominio galego en internet, celebra este ano o día de Galicia abrindo nesta semana unha promo que se estende por 3 meses ata o 20 de outubro. O .GAL segue a medrar contando con dominios rexistrados de institucións, entidades sen ánimo de lucro, empresas e cada vez mais particulares. As páxinas deben ter, canto menos, unha parte dos seus contidos na nosa lingua ou facer referencia á nosa comunidade.

Para poder utilizar a promoción, as persoas interesadas deben dirixirse ás seguintes empresas rexistradoras: Dinahosting, Entorno Digital, Soluciones Corporativas IP, CDMon, Host Europe Iberia, Arsys,  OVH.com, 101Domain e 1&1 Internet. As diferentes políticas de prezos que ofrecen estes rexistradores fai posible atopar dominios dende os 35,95€ ata os 40€ máis IVE, polo que dende PuntoGal recomendan visitar todas as páxinas web dos participantes na promoción para atopar a mellor oferta e servizo que se adapte ás súas necesidades. O dominio habilitou unha páxina con toda a información ó respecto en www.dominio.gal/promoveran.

PuntoGal porá igualmente en marcha unha campaña informativa a través das webs de PuntoGal, as redes sociais e outros soportes afíns.

Foron 93 os dominios pioneiros que se activaron o 25 de xullo do ano pasado, día de Galicia, inaugurando o uso real do dominio .GAL en internet. Entre os dominios baixo o paraugas de PuntoGal atópase un número importante de marcas galegas; tamén funcionan páxinas web de moitos concellos e nomes vinculados ás administracións públicas, así como unha gran variedade de entidades sociais e culturais vinculadas a Galicia dende moi distintos lugares da xeografía mundial

O dominio PuntoGal, xestionado pola asociación sen ánimo de lucro co mesmo nome, ten previsto o reinvestimento dos beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. Nestes momentos estase a comezar un proceso de renovación da web, e segue con actividades para informar sobre a apertura do dominio, especialmente entre a Galicia da diáspora en comunicación con centros galegos no exterior. Tamén se está a traballar por abrir proxectos de colaboración con outros dominios europeos que teñen o mesmo carácter cultural que .GAL.

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.

Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal