Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

As asociacións

Boa parte dos milleiros de entidades que conforman o tecido asociativo galego, axentes de dinamización da vida colectiva e social da cidadanía, ten apostado firmemente por abrir novas canles de interrelación social e espallar as súas accións a través da rede.

Para todas elas, tanto para as que teñen implantación física no país como para aquelas outras cuxo ámbito de traballo e actuación está fóra -arredor de 250 nos cinco continentes-, a creación dun dominio de seu vai sumar un valor engadido ao que xa ten de por sí a súa presenza na rede. O .gal perfílase como unha etiqueta propia que permitirá a identificación da comunidade galega dentro dunha internet cada vez máis extensa, dándolle unha maior visibilidade e presenza no mundo e posibilitando a conexión entre as comunidades de emigrantes no exterior.

Na era da comunicación e da información global e dentro da grande heteroxeneidade que estas asociacións e colectivos representan (ámbito de actuación, tamaño, recursos dispoñibles, obxectivos...) o .gal está chamado a ser a casa común virtual da comunidade galega e a marca que nos identificará como galegos e galegas no labirinto dos dominios.

Sobre a base deste tecido asociativo que xa existe como tal o .gal vai posibilitar a creación dunha ampla comunidade galega na rede, creadora, difusora e consumidora de cultura, e vai a consolidar un espazo comunicativo e cultural propio onde poder crear e difundir novos contidos que, desde o local, atravesarán fronteiras a nivel global.

© Asociación Puntogal