Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

As persoas

Os galegos e galegas, máis de 4 millóns no mundo, temos no .gal unha oportunidade única para crear a nosa propia comunidade lingüística e cultural dentro da rede. Sabedores/as de que na era da sociedade da información non existimos se non estamos en internet, é importante que reparemos tamén en como nos identificamos nela.

A cultura galega, tradicional e á vez moderna, espallada polo mundo a través dos nosos emigrantes, precisa dun lugar propio na arañeira, un dominio co que acadar maior presenza e visibilidade na internet e na sociedade global. Estarmos na rede en galego é unha das mellores formas de ter presenza global e de afrontar o futuro tecnolóxico que se aveciña, contando cun espazo de identidade propia: o .gal.

Algunhas das razóns polas que a sociedade galega precisa do .gal. son as de:
  • Dar maior visibilidade e presenza ao pobo galego na rede e no mundo.
  • Agrupar todos os contidos de internet vinculados á nosa cultura ou lingua.
  • Crear unha identidade de marca galega na rede.
  • Permitir identificar as empresas galegas nunha internet cada vez máis extensa, favorecendo as relacións económicas entre elas e os seus clientes.
  • Contar cun lugar propio e diferenciado para a nosa cultura e sociedade no labirinto dos dominios.
  • Impulsar o galego como medio para fomentar a identidade cultural galega, contribuíndo á normalización lingüística.
  • Posibilitar a conexión entre as comunidades emigrantes galegas espalladas polo mundo.

© Asociación Puntogal