Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Quen somos

A Asociación PuntoGal é a responsable de preparar e promover a candidatura para a consecución do .gal, unha iniciativa orientada a acadar un dominio propio en internet para a lingua e a cultura galegas e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego, identificado como tal, dentro da rede.

Podes descargar os estatutos da Asociación PuntoGal .

Desde a posta en marcha deste proceso, no verán de 2006, son moitas as persoas e entidades que teñen amosado o seu apoio a prol dun dominio que servirá para facer visible, a nivel global, a existencia da nosa lingua e da nosa cultura e que está chamado a ser a casa común virtual dos máis de 4 millóns de galegos e galegas que conformamos a comunidade galega no mundo.

A xunta directiva de PuntoGal vai ser a encargada de avalar a candidatura galega diante da ICANN, o organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominios.

Pola propia complexidade deste proceso resulta fundamental traballar dando pasos firmes, actuando con axilidade e contando cun amplo respaldo social. É por iso que, a través dos seus representantes, PuntoGal ten compaxinado neste tempo o seu labor de divulgación e concienciación da necesidade dun dominio propio coa toma de contacto con institucións, asociacións, persoas... interesadas neste mesmo fin e coa súa presenza nas principais reunións da ICANN a nivel internacional para coñecer o proceso de solicitude de novos dominios.

A ICANN valora as propostas en función da xustificación da necesidade de ter o dominio e dos apoios que ten a propia candidatura dentro da comunidade á que representa, de aí a importancia de contar cunha candidatura sólida, con presenza de importantes organismos e asociacións galegas do ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.

A promotora do PuntoGal conformouse por representantes da Asociación de Editores de Galicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, a Asociación Fillos de Galicia (fillos.org), o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude de Galicia, as Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet), Galicia Hoxe, Idesga-Galego 21, ISOC-Galicia, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega e Vieiros.

Hoxe case un cento de entidades e máis de 10.000 persoas arroupan o .gal. Ti tamén podes facelo!
Representantes de PuntoGal nunha xuntanza con membros doutras candidaturas
Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal